27/11/23

25 N

Día para a eliminación da violencia cara á muller

O venres conmemorouse no noso centro o 25 de novembro, Día para a eliminación da violencia cara á muller. No salón de actos do IES O Ribeiro o alumando de Artes Escénicas de 1º de Bacharelato cantou e bailou acompañado do grupo de pandereteiros e pandereteiras Fuscalla do EDLG, formado por alumnado e profesorado do noso instituto.

A canción, creada polos alumnos e alumnas de Artes Escénicas, falaba de que o amor non é unha posesión e de que neste ano xa mataron a 52 mulleres. A canción fixérona para concienciar a pequenos e a adultos sobre a violencia de xénero.

Aquí vos queda un vídeo da actuación.

Izan Fernández Martínez, Aimar Pérez Viso, Xoel Rojo Domínguez e Álex Vázquez Rey (alumnos de 1º ESO A)



17/11/23

Magosto

O pasado luns 13 de novembro no IES O Ribeiro fixemos o noso magosto durante as clases da tarde. Puidemos desfrutar duns marabillosos xogos, mentres os profesores asaban as castañas. Zancos, bolos, xogo do pano, corda, tres en raia, tira e afrouxa, xogos de puntería e máis!

Primeiro había que facer as castañas. Os nenos e nenas que quedaron no comedor axudaron a picalas. Había que coller un coitelo e abrilas por un lado. Mentres, os profesores preparaban os xogos e empezaban a asar as castañas. Ao rematar o comedor, todos os demais nenos e nenas entraron no centro, incluídos os de FP do edificio Abrente, e alí comezou a celebración!

Todos e todas xogamos aos xogos tradicionais organizados polos alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato xunto coa súa profesora de Educación Física. Cando as castañas xa estaban preparadas, o profesor de Relixión deunos uns cornetes e o profesor de Educación física foi repartindo para que empezaramos a comer. Tamén nos deron uns zumes e uns batidos de chocolate.

Por último, tivemos unha marabillosa actuación do grupo "Fuscalla", pandereteiros e pandereteiras do IES O Ribeiro. Todos os nenos e nenas se agruparon para velos.

Aquí vos deixamos unhas fotos do magosto. Esperamos que isto se volva repetir!

Sonia Fernández Louredo 1º ESO C
Daniel Martin Rúa 1º ESO C













13/11/23

Mes da ciencia en galego


Como sabedes, novembro é o mes da ciencia en galego e, para conmemorarmos isto, a semana pasada tivemos o gusto de contar con Dosi Veiga, que veu falar de astronomía ao alumnado de 1º ESO. Tamén nos deixou unha exposición de fotografías de ceos galegos que podedes ver no corredor da planta baixa. Aquí podedes ler o texto que escribiron os nosos alumnos Izan Fernández Martínez e Álex Vázquez Rey (1º ESO A) e unhas fotografías da conferencia e da exposición.

O pasado 8 de novembro de 2023 déronnos unha charla no salón de actos do IES O Ribeiro. Esta charla ía sobre astronomía. 

Dosi Veiga, físico e divulgador científico, foi o que nos deu a charla. Ademais doutras cousas, Dosi Veiga traduciu moitas portadas da NASA ao galego. Na charla ensinounos varias cousas interesantes. Por exemplo, un experimento que poderiamos facer, que trata de poñer unha cámara mirando cara as estrelas e sacarlles moitas fotos durante moito tempo, creando círculos feitos polas estrelas. Tamén nos ensinou varias constelacións e como se forman estas. Os seus nomes proceden de civilizacións como poden ser a romana e a grega. Outra cousa interesante que nos contou foi que fixeron unha votación para poñerlle o nome de Rosalía de Castro a unha estrela.

Tamén aprendimos que a estrela polar indica o norte e é a única estrela que parece que non se move, pero non é así, xa que todas as estrelas están en movemento. As estrelas das constelacións vanse movendo co paso do tempo e dentro de miles de anos as constelacións serán diferentes. Ademais, no espazo hai unha liña imaxinaria que está dividida en doce zonas, que serían as doce constelacións que constitúen os signos do zodíaco. Tamén hai varios tipos de soles dependendo da súa temperatura, os amarelos e os vermellos son os máis fríos, mentres que os azuis e brancos son os máis quentes.

Izan Fernández Martínez e Álex Vázquez Rey (1º ESO A)