O pasado luns 13 de novembro no IES O Ribeiro fixemos o noso magosto durante as clases da tarde. Puidemos desfrutar duns marabillosos xogos, mentres os profesores asaban as castañas. Zancos, bolos, xogo do pano, corda, tres en raia, tira e afrouxa, xogos de puntería e máis!
Primeiro había que facer as castañas. Os nenos e nenas que quedaron no comedor axudaron a picalas. Había que coller un coitelo e abrilas por un lado. Mentres, os profesores preparaban os xogos e empezaban a asar as castañas. Ao rematar o comedor, todos os demais nenos e nenas entraron no centro, incluídos os de FP do edificio Abrente, e alí comezou a celebración!
Todos e todas xogamos aos xogos tradicionais organizados polos alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato xunto coa súa profesora de Educación Física. Cando as castañas xa estaban preparadas, o profesor de Relixión deunos uns cornetes e o profesor de Educación física foi repartindo para que empezaramos a comer. Tamén nos deron uns zumes e uns batidos de chocolate.
Por último, tivemos unha marabillosa actuación do grupo "Fuscalla", pandereteiros e pandereteiras do IES O Ribeiro. Todos os nenos e nenas se agruparon para velos.
Aquí vos deixamos unhas fotos do magosto. Esperamos que isto se volva repetir!
Sonia Fernández Louredo 1º ESO C
Daniel Martin Rúa 1º ESO C
Ningún comentario:
Publicar un comentario