13/11/23

Mes da ciencia en galego


Como sabedes, novembro é o mes da ciencia en galego e, para conmemorarmos isto, a semana pasada tivemos o gusto de contar con Dosi Veiga, que veu falar de astronomía ao alumnado de 1º ESO. Tamén nos deixou unha exposición de fotografías de ceos galegos que podedes ver no corredor da planta baixa. Aquí podedes ler o texto que escribiron os nosos alumnos Izan Fernández Martínez e Álex Vázquez Rey (1º ESO A) e unhas fotografías da conferencia e da exposición.

O pasado 8 de novembro de 2023 déronnos unha charla no salón de actos do IES O Ribeiro. Esta charla ía sobre astronomía. 

Dosi Veiga, físico e divulgador científico, foi o que nos deu a charla. Ademais doutras cousas, Dosi Veiga traduciu moitas portadas da NASA ao galego. Na charla ensinounos varias cousas interesantes. Por exemplo, un experimento que poderiamos facer, que trata de poñer unha cámara mirando cara as estrelas e sacarlles moitas fotos durante moito tempo, creando círculos feitos polas estrelas. Tamén nos ensinou varias constelacións e como se forman estas. Os seus nomes proceden de civilizacións como poden ser a romana e a grega. Outra cousa interesante que nos contou foi que fixeron unha votación para poñerlle o nome de Rosalía de Castro a unha estrela.

Tamén aprendimos que a estrela polar indica o norte e é a única estrela que parece que non se move, pero non é así, xa que todas as estrelas están en movemento. As estrelas das constelacións vanse movendo co paso do tempo e dentro de miles de anos as constelacións serán diferentes. Ademais, no espazo hai unha liña imaxinaria que está dividida en doce zonas, que serían as doce constelacións que constitúen os signos do zodíaco. Tamén hai varios tipos de soles dependendo da súa temperatura, os amarelos e os vermellos son os máis fríos, mentres que os azuis e brancos son os máis quentes.

Izan Fernández Martínez e Álex Vázquez Rey (1º ESO A)








Ningún comentario:

Publicar un comentario