07/04/22

VISITA AO IES O RIBEIRO DA ESCRITORA ANDREA MACEIRA.

 A escritora Andrea Maceira visitou onte o noso instituto para falar da súa novela Europa Express,coa que gañou o premio Jules Verne,e que tiñan como lectorua obrigatoria o alumnado de 4º da ESO.

Como presentación da súa exposición, e para facer interactuar ao alumnado, a escritora creou unha historia paralela, ou un spin-off, a partir dun dos personaxes da novela, como se se tratase dunha segunda parte.

A partir de aí, o alumnado fíxolle preguntas sobre a novela e sobre a súa carreira, que resultaron moi interesantes para a escritora e para o público.

Tamén asistiu á charla o alumnado de 3º da ESO, que tamén leu outra das súas novelas: O que sei do silencio ,coa que quedou como finalista no ano 2018 do premio Raíña Lupa.Para rematar,Andrea Maceiras asinou os libros que o alumnado trouxera, e fixemos varias fotos con ela.

Foi unha visita moi frutífera e agradable, e contamos que teña a ben repetir para o curso que vén, pois o alumnado de 1º da ESO,tamén leu este ano outra das súas novelas: O segredo do lagarto arnal,publicado no ano 2012.










24/03/22


O ALUMNADO DO IES O RIBEIRO HOMENAXEOU A ROSALÍA DE CASTRO NO SEU DÍA.

 

Pasou o día de Rosalía neste 2022. No IES O Ribeiro quixemos facerlle unha pequena homenaxe na biblioteca do centro e para iso, en coordinación do equipo da biblioteca, escollemos unha pequena selección de libros tanto da propia autora coma doutros escritores que fixeron estudos e ensaios sobre ela  e sobre a súa obra.Os libros foron colocados nun dos andeis da biblioteca e podíanse ver á entrada da mesma.

Por outra banda, o alumnado de 1º de Bacharelato,4º,3º e 2º da ESO,leu unha selección de poemas da escritora acordes co lema que este ano propuxo a Asociación de Escritores en Lingua Galega: “Sementando pensamentos”.

Con estes poemas,puidemos comprobar que o seu pensamento é, por unha banda, universal, e, pola outra está moi de actualidade, a pesar de levar moitos anos escritos.

Ademais, unha alumna de 2º Bach contribuiu cunha nota musical, interpretando un dos seus máis coñecidos poemas:"Adeus ríos ,adeus fontes".













11/12/21

E O DÍA DA RODAXE, CHEGOU!!🎬🎥

 

Tras a formación recibida no IES a cargo de Rubén Riós e telemática, na casa, da man de Carolina, produtora de Claqueta Coqueta...


...O 7 de decembro, cando moitos estaban de 🌉 as alumnas de 2º de BAC de artes (Paula, Clara, Nerea e a ex alumna Fayna), gañadoras de Lingua Rodada 2020, traballaban arreo na CORUÑA, RODANDO cun equipo profesional o que será o primeiro episodio dunha serie de entrevistas, dirixidas por Rubén Riós, que teñen como elo condutor o 'empoderamento'💪 das mulleres novas galegas.


Paula, Nerea, Clara, Fayna, A Coruña e as ondas do Atlántico




Non podemos desvelar o segredo, así que teredes que esperar a que se estree, supoñemos que en xaneiro, 
peeeeero, 
podemos poñervos os dentes longos cunhas fotos


Houbo que sacar e termar forte do paraugas. O vento sopra duro nas inmediacións da Torre de Hércules 


Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, quen financia o proxecto a través dos Equipos de Dinamización da lingua galega, visitounos durante a rodaxe. Rubén Riós e as protagonistas do episodio (ata aquí podemos contar) completan a imaxe.






O equipo diríxese á primeira localización


VAI QUEDAR TAN
TAN CHULO!!!!!😎


01/12/21

RUBÉN RIÓS imparte unha MASTER CLASS ao alumnado de 2º Bac ARTES

 🎥O videorrelato Saudade das nosas alumnas de bac de artes que no ano 20 gañou o certame Lingua Rodada acada por fin o tan desexado PREMIO, ano e medio despois.
comeza a formación

O cineasta Rubén Riós, organizador do certame, xunto coa SXPL, cumpriu a súa palabra e formou durante 8 horas ao alumnado de 2º de Bac de artes. Recibiron unha intensa formación en preprodución, produción, postprodución, dirección e interpretación.

O grupo segue as explicacións do cineasta




alguén pode ler todo o que aí se dixo?

Así de contentos acabaron!!! QUERÍAN MÁIS!!!!



O 7 de decembro PAULA, CLARA, FAYNA e NEREA van rodar na Coruña unha entrevista con Irene, blogueira  quinceaneira responsable de 'Surfeando libros'. Este será o primeiro dunha serie de capítulos que Riós rodará, protagonizados por mulleres novas, baixo o título de A voz das nosas. É o merecisímo premio ás nosas pacientes alumnas, ano e medio despois...




...CONTINUARÁ...🎬

O BACHARELATO DE ARTES ESTREA no Auditorio de Galicia “A pesar de todo"

 A curtametraxe 'A PESAR DE TODO' que o grupo de 1º de bac de artes preparou e rodou no curso 19-20, no marco do PLAN PROXECTA Cinema en Curso, puido por fin estrearse en pantalla grande, no AUDITORIO de GALICIA de Compostela. Foi o 24 de novembro, xunto co traballo doutros centros de Galicia (Barreiros, Cangas ou Cotobade)

 Grazas ao seu traballo a Tafona da Herminia seguirá aberta na nosa memoria.
fotograma da curta

A ver se podemos estrear por estas terras en breve!!

O grupo ao completo
Laura, Nélida, Rita, Maite, Clara, Joel, Alba Mª, Alba, Teo, Xoel, Isma, Chus, Fayna, Nerea, Paula, Noemñi, Luís, Hugo, África e Ana Belén, Directora do IES. É grupo que presentou a curta, A pesar de todo
Marcos Flórez, cineasta que dirixiu a curta, Clara, Fayna, Paula, Aldara, Nerea e Teo presentan a curta

15/11/21

O alumnado de 4º da ESO participou nun obradoiro para dar a coñecer o labor de dúas mulleres científicas galegas:ISABEL ZENDAL E ÁNGELES ALVARIÑO.

Este obradoiro pretende dar a coñecer as expedicións que  realizaron dúas mulleres científicas galegas Isabel Zendal Gómez e Ánxeles Alvariño González. Comenzaremos explicando a súa biografía e coa realización de varios  experimentos científicos abordaremos conceptos de  microbioloxía e inmunoloxía.

No caso de Isabel Zendal , falaremos do seu traballo como coidadora e enfermeira dos 22 nenos expósitos a  bordo do Maria  Pita que zarparon dende a Coruña para  cruzar o Atlántico  e levar a vacina in vivo da variola . Neste apartado a través dunha serie de bonecos e  pelotas con forma de células e microorganismos, faise un  simulacro de ataque dos virus e das bacterias para que  visualicen a activación de producción de glóbulos brancos  e anticorpos ( facendo mención á importancia dun estilo de vida saudable que inclúa dieta rica en froita , verduras ,peixe e  moito deporte para aumentar as nosas defensas ).

Para explicar en que consiste unha vacina e un test de anticorpos , faremos un experimento de cromatografía caseiro usando papel de filtro de café ,alcohol de 96 e tinta de rotuladores para que poidan comprender por que ascenden as moléculas por capilaridade en función do seu peso e polaridade.

No caso de Ánxeles Albariño, descubridora de especies de organismos e microorganismos acuáticos falaremos das suas expedicións e dos seus aportes no ámbito da oceanografía,abordando o mundo microscópico dos protozoos e as bacterias coa estampación dun algodón mollado con auga dunha poza, nun medio de cultivo caseiro. Este medio de crecimento está composto dunha pastilla de caldo de polo, azucre e agar agar .

Con este experimento de cultivo bacteriano caseiro, tamén abordaremos a importancia da hixiene bucal diaria, o cepillado dos dentes para evitar as caries que producen as bacterias e a limpeza e correcta hixiene das máscaras que levamos como consecuencia da Covid19,estampando unha máscara usada noutro caldo de cultivo de agar agar.

E por último faremos un experimento para visualizar o que está a acontecer nas conchas dos moluscos debido ao aumento do CO2 na atmosfera e a acidificación da auga nos océanos,empregando tizas, auga , vinagre e zume de limón.




O obxectivo destes obradoiros é dar visibilidade e recoñecemento a través dos experimentos científicos a estas dúas mulleres Científicas e Galegas en Galicia , posto que os seus descubrimentos e expedicións son un exemplo de constancia, traballo e filantropía, que son valores que de maneira transversal xunto coa educación en igualdade entre homes e mulleres,educación en saúde e educación polo medio ambiente preténdense potenciar neste obradoiro.





 

04/11/21

CONVOCADO UN CONCURSO DE MICRORRELATOS DE TERROS E OUTRO DE DEBUXOS.

O equipo de dinamización lingüística do IES O Ribeiro,xunto co equipo da biblioteca e o profesorado de plástica, convoca dous concursos, un de debuxos de medo e outro de microrrelatos.

As bses están expostas,ademais de no taboleiro de dinamización lingüística e no da biblioteca, por distintos lugares do corredor e nas aulas da ESO,de Bacharelato e de FP Básica.