12/12/20


 A figura e a obra á que a Academia lle dedica o Día das #LetrasGalegas é un referente no que podemos e debemos seguir traballando alén do ano da homenaxe", salientou o presidente da Real Academia Galega no pleno dedicado a #CarvalhoCalero. Víctor F. Freixanes reivindicou ademais o uso do galego en todos os espazos. "Nestes días en que volve a discutirse a utilidade dos idiomas e alguén quere reducir a cuestión a termos cuantitativos e excluíntes, a Real Academia Galega reivindica o uso e a presenza da nosa lingua en todos os ámbitos, como fixeron os precursores das Irmandades da Fala, os precursores de Nós: uso e presenza tamén no ámbito educativo, en todas as materias, sen excepcións, pensando moi especialmente nas novas xeracións, ás que debemos dotar de ferramentas e espazos de actividade para o seu desenvolvemento", expresou Víctor F. Freixanes. O presidente da Academia avanzou que a institución iniciou contactos con Euskaltzaindia e mais co Institut d'Estudis Catalans para "abrir un debate sincero e interesar a todo o Estado español nun patrimonio que quixeramos que se considerase común, un patrimonio –as linguas de España, que dicía o poeta vasco Aresti–, que nos compromete a todos e do que debemos sentírmonos copartícipes e orgullosos", engadiu. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario