06/03/25

Entroido

Nas dúas últimas horas do venres 28, celebramos un concurso de disfraces no salón de actos do noso centro. Tamén repartimos premios ás máscaras realizadas polo alumnado de EPVA. E, por suposto, houbo actuación de Fuscalla!






26/02/25

Visita de Paula Carballeira

Onte, 25 de febreiro, tivemos o pracer inmenso de que nos visitara Paula Carballeira no noso instituto. Asistimos a unha fabulosa sesión de contos e puidemos falar con ela sobre algún dos seus libros. De público estivo o alumnado de 2º ESO, que leu Hai quen escolle os camiños máis longos; o alumnado do club de lectura de 1º ESO, que leu Wombo Combo e o alumnado de Artes Escénicas de 2º BACH. Foi unha experiencia fantástica que esperamos que se repita!!!












21/02/25

Día de Rosalía

Este ano, o 23 de febreiro, celebrámolo enchendo o recibidor e a biblioteca con figuras de Rosalía en papel feitas polo alumnado. Nas fotos podedes ver o proceso e o resultado do noso traballo. Ademais, convocamos, por segundo ano, o concurso de poesía e videopoesía. Animádevos a participar!!!
















02/02/25

Candeloria

Xa está aquí a Candeloria! Isto significa que xa pasamos a metade do inverno, os días comezan a medrar e a natureza comeza a prepararse para a primavera. Ademais disto, é o momento en que casan os paxaros. Aproveitamos así o 2 de febreiro para celebrar o amor e fixémolo cunhas cartas, que podedes ver nestas imaxes, elaboradas polo alumnado de 1º ESO. Unha fermosura!





23/12/24

Xa é Nadal!

Este ano polo Nadal, ademais de facer o noso festival, decoramos o centro en galego e divulgamos a figura do Apalpador, como podedes ver nas fotografías. No festival tivemos varias actuacións musicais de varios cursos grazas ás profes de Música e dúas obras de teatro grazas ao alumnado de Artes Escénicas. Tamén repartimos os premios do concurso de debuxos e microrrelatos de Samaín e, finalmente, actuou Fuscalla!






02/12/24

Actuación de Fuscalla

Este sábado 30 de novembro Fuscalla actuou en Ribadavia como grupo convidado ao Malgosto, o magosto que sae mal. A actuación foi na Igrexa da Madalena ás 13.00 h e durante toda a xornada puidemos gozar de música e baile. Podedes ver algunha imaxe da nosa actuación nas fotos. Grazas á organización por convidarnos e por celebrar foliadas e festas coma esta!




29/11/24

Mes da ciencia en galego nas bibliotecas

Como sabedes, novembro é o Mes da ciencia en galego nas bibliotecas, por este motivo o EDLG e o Equipo de Biblioteca organizaron varias actividades. Unha foi unha charla do escritor, investigador e divulgador científico Xurxo Mariño. O alumnado de 4º de ESO e o do Club de Ciencia tivo a sorte de ver a Xurxo e desfrutar dos experimentos que nos trouxo. Tamén asinou varios dos seus libros. A outra actividade foi unha mostra dos experimentos do Club de Ciencia que o alumnado puido mostrar a toda a comunidade educativa durante un recreo na biblioteca. Puidemos aprender moito con eles. Ambas foron actividades moi interesantes!