02/02/25

Candeloria

Xa está aquí a Candeloria! Isto significa que xa pasamos a metade do inverno, os días comezan a medrar e a natureza comeza a prepararse para a primavera. Ademais disto, é o momento en que casan os paxaros. Aproveitamos así o 2 de febreiro para celebrar o amor e fixémolo cunhas cartas, que podedes ver nestas imaxes, elaboradas polo alumnado de 1º ESO. Unha fermosura!





23/12/24

Xa é Nadal!

Este ano polo Nadal, ademais de facer o noso festival, decoramos o centro en galego e divulgamos a figura do Apalpador, como podedes ver nas fotografías. No festival tivemos varias actuacións musicais de varios cursos grazas ás profes de Música e dúas obras de teatro grazas ao alumnado de Artes Escénicas. Tamén repartimos os premios do concurso de debuxos e microrrelatos de Samaín e, finalmente, actuou Fuscalla!






02/12/24

Actuación de Fuscalla

Este sábado 30 de novembro Fuscalla actuou en Ribadavia como grupo convidado ao Malgosto, o magosto que sae mal. A actuación foi na Igrexa da Madalena ás 13.00 h e durante toda a xornada puidemos gozar de música e baile. Podedes ver algunha imaxe da nosa actuación nas fotos. Grazas á organización por convidarnos e por celebrar foliadas e festas coma esta!




29/11/24

Mes da ciencia en galego nas bibliotecas

Como sabedes, novembro é o Mes da ciencia en galego nas bibliotecas, por este motivo o EDLG e o Equipo de Biblioteca organizaron varias actividades. Unha foi unha charla do escritor, investigador e divulgador científico Xurxo Mariño. O alumnado de 4º de ESO e o do Club de Ciencia tivo a sorte de ver a Xurxo e desfrutar dos experimentos que nos trouxo. Tamén asinou varios dos seus libros. A outra actividade foi unha mostra dos experimentos do Club de Ciencia que o alumnado puido mostrar a toda a comunidade educativa durante un recreo na biblioteca. Puidemos aprender moito con eles. Ambas foron actividades moi interesantes!
















25 N: escape room na biblioteca

Este ano polo 25 de novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, o EDLG e o Equipo de Biblioteca organizaron un escape room na biblio para 1º e 2º de ESO. O xogo consistía en salvar a unha rapaza, Xiana, dunha relación de violencia a través das pistas ocultas na biblioteca e superando os retos propostos. Aquí tedes unhas imaxes do escaoe room.









25/10/24

Premiadas no II Concurso de tradución

Esta semana demos os premios do II Concurso de tradución. As premiadas foron Adriana Rodríguez de 2º ESO A e Ana Blanco de 4º ESO A, acompañada polos seus compañeiros e compañeiras. Nas fotos podedes velas con seus premios. Para o ano haberá unha nova convocatoria e máis premios!





23/10/24

Orgullo Galego

 Esta semana tivemos o pracer de ter no noso centro a Borxa González, de Orgullo Galego. Veu a falarnos sobre o galego e as redes sociais e sobre a próxima festividade do Samaín. Como podedes ver nas fotografías, o alumnado desfrutou das súas charlas.